Sunday 19 de May de 2024

O PSOE de Ordes pide medidas para poñer en valor o patrimonio das parroquias de Buscás, Poulo e Pereira co gallo do tirón do Camiño


O PSOE de Ordes vén de presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria de mañá xoves na que pide que o Concello ordense tome varias medidas para poñer en valor o patrimonio das parroquias de Buscás, Poulo e Pereira aproveitando o tirón que supón o paso do Camiño Inglés. “Nas proximidades das tres igrexas de Pereira, San Xiao do Outeiro e San Paio de Buscás existen castros e, no caso de Buscás, existía tamén unha torre nas proximidades do río. Ademais, as tres igrexas teñen orixe prerrománica, polo que pensamos que sería interesante promover a protección e posta en valor de todos estes elementos nunha proposta conxunta para que sexa coñecida pola veciñanza e constitúa un atractivo cultural e turístico para os visitantes”, explica Alejandro Manteiga, voceiro municipal dos socialistas de Ordes.

Así, os socialistas propoñen tres medidas iniciais, que poderán complementarse por aquelas que o Concello considere oportunas. “O básico é sinalizar convintemente todos os elementos patrimoniais e facer un pequeno centro de interpretación na reitoral de Poulo, que se está a restaurar”, indica Manteiga García, quen puntualiza que “bastaría coa instalacións duns paneis informativos, imprimir uns trípticos informativos e destinar un pequeno espazo para expoñer algún elemento”.

Así mesmo, os socialistas solicitan que se estableza un roteiro que, partindo de Ordes, percorra o tramo ordense do Camiño. Un roteiro que tamén podería acoller a parroquia de Santa Cruz de Montaos, en Os Currás, onde se conserva un castro e un dos tramos máis antigos do Camiño.

Pago a provedores

Por último, os socialistas aproveitarán a sesión plenaria de mañá xoves para preguntarlle ao alcalde polos datos publicados polos medios de comunicación sobre a elevada débeda que o Concello de Ordes mantén cos seus provedores. “Queremos coñecer se eses datos son correctos e a razón de que o Concello de Ordes adebede 781.211 euros aos seus provedores, cando en 2016 esta cifra estaba nos 566.204 euros”.

Ademais, o PSOE solicitará o número e nomes dos fillos predilectos e adoptivos de Ordes e instarán ao Concello a que contacte co propietario dun inmoble inacabado na Vila de Ordes para que o remate ou estudar a posibilidade de que a Xunta poida adquirir ese inmoble para destinalo a vivendas de protección oficial.